Claudio Rodríguez Fer: unha proposta poética integral

Neste momento e no contexto hispánico, logo de que a mediados do século XX se dera un período de elaboración —e debate— dunha creación literaria de carácter social e cun enfoque ideolóxico e mesmo politizado, enfocada como arma de resistencia ao réxime ditatorial de Franco, no derradeiro cuarto do século veñen confluír dúas circunstancias que mudan esta relación dialéctica entre a poesía e o poder: por unha banda, a aparición dunha serie de propostas claramente estetizantes, evasivas e, segundo a terminoloxía propia do tema, non comprometidas; doutra, no contexto socio-cultural e ideolóxico europeo e mundial, o inicio do período postmoderno, coa progresiva caída dos chamados discursos de lexitimación e das vellas ideoloxías enfrontadas, a relativización do concepto de identidade, de suxeito e mesmo de verdade, a crise radical do racionalismo, etc., que, en conxunto, veñen erradicar a posibilidade dun contido e dunha utilidade estritamente políticas na obra poética, e tal interese é obviado ou mesmo desprezado polo mero feito de ter desaparecido o inimigo que tanto tempo tiveran diante. Por suposto, dende posturas progresistas existen variadas respostas críticas a esta situación, que inciden na necesidade da atención ao medio ou mesmo que afirman que a chegada da democracia supuxo a percepción da non necesidade de resistencia e mesmo que o trunfo das estéticas culturalistas causou a desarticulación do que podemos denominar unha resistencia poética organizada, xerándose, ademais, a falsa percepción de que, posto que a poesía politizada tiña desaparecido e a non politizada resistía, era posible separar e diferenciar ambos tipos, extremo que algúns teóricos da resistencia negan, afirmando a inexistencia de poesía non comprometida, tachada, nalgúns casos, simplemente de colaboracionista. Tales son os postulados defendidos, sobre todo dende a década dos anos noventa, por parte de tendencias denominadas “Poesía da conciencia”, “Nova poesía social” ou “Poesía en resistencia” ou “activista”, entre outras posibles.

Así pois, pese a esta aniquilación das formas poéticas tradicionais máis politizadas, dogmáticas e panfletarias, o carácter social da poesía, a atención do poeta a un medio social máis ou menos inmediato e a súa necesidade de interacción con el, non desaparece, se ben dá lugar a novas formas de compromiso poético, ao substituír o utilitarismo ideolóxico por un compromiso de raizame ética ou conformando unha actitude que certos sectores da crítica teñen asociado coa aparición dun novo humanismo.

O período que enmarca este debate, dende os anos oitenta ata a actualidade, e con especial intensidade no momento presente, pon a proba a capacidade de reacción da poesía e mesmo a súa vitalidade e actualidade, posto que parte dunha fractura que se estende por todas as capas sociais e inaugura unha nova etapa e un xeito distinto de respostar a ditos cambios. Inserida nas redes do mercado, en moitos casos nunha compracencia indiferente, a poesía corría o risco de caer na inoperancia e na frivolidade ou, por ser incapaz de percibir os cambios na sociedade, xa a nivel mundial, de quedar desfasada nos seus discursos ideolóxicos e políticos. Substituída a linguaxe belicista e de confrontación do terreo social por unhas novas relacións sociais e uns códigos de base democrática e, esencialmente, pacifista, esta precisa postura do civismo convencido vai ser a que domine na resposta dos poetas á inquietude suscitada pola fractura das verdades herdadas absolutas e dos ídolos do foro que caracteriza a etapa postmoderna, dando lugar a ese novo xeito de compromiso.

O contexto poético galego, periférico respecto do modelo hispánico, non foi alleo a ningunha das formas do compromiso e da resistencia ideolóxica que se teñen dado ao longo do século XX, e tampouco o é neste novo período, evidenciándose, así, que a poesía escrita na nosa lingua ten evolucionado e é quen de establecer un diálogo con outras manifestacións e, mesmo, de dar unha resposta propia e específica a este reto das formas de compromiso ético actual.

Na versión dixital da revista brasileira Sibila apareceron publicadas unhas “Notas anotadas” do poeta galego Claudio Rodríguez Fer (Lugo, 1956), que pertence á xeración histórica que ten protagonizado o debate ideolóxico sinalado e que nos servirá para tentar trazar unha proposta ético-estética que responda as inquedanzas dunha poesía atenta á realidade no medio literario actual. Este poeta galego manifesta, ao longo da súa escritura, unha forma específica de compromiso coa realidade baseada en principios integrais que conectan o ético co estético, co político e co vital, como unha forma indisoluble da realidade e da poesía. Neste poeta é posible atopar formas temáticas próximas ao concepto máis tradicional de compromiso ideolóxico, como ocorre cunha liña reivindicativa da memoria que se inicia nos seu poemario Lugo blues (1987), sobre a cidade natal do poeta, e que se vai abrindo progresivamente con A loita continúa (2004), sobre a memoria de Galicia e culmina co recentemente publicado Ámote vermella (2009), sobre a memoria da muller, cunha clara intención contestataria, en moitos sentidos, pero dentro do marco de referencias da represión fascista. Non obstante, a cuestión do compromiso postmoderno do autor non se cingue a unha cuestión puramente temática, senón que atingue a tódolos ámbitos da creación, que o poeta, como queda proposto, identifica coa vida; deste xeito, mesmo os seus poemarios amorosos son caracteristicamente comprometidos tanto nunha dimensión extra como intratextual.

Quizais sexa este o primeiro trazo da nova concepción do compromiso ético coa realidade, a consideración desta dende un punto de vista non escindido e, xa que logo, integral, onde se veñen relacionar a creación poética, o amor, a vida e o compromiso, en igualdade de condicións, de xeito indisoluble. Quedan fora, daquela, un concepto reducionista da realidade e do realismo e o carácter utilitario da poesía, é dicir, a posibilidade de reducir a creación poética á mera manifestación discursiva dun dogma que antecede intencionalmente á propia escrita e que, por iso mesmo, lle é alleo.

A proposta do poeta lugués, daquela, vai na liña da superación do realismo comprometido e politizado tradicional posto que, neste enfoque integral, o estético non se atopa subordinado ao ideolóxico, xa que non hai ideoloxía sen estética nin creación estética que non naza dun compromiso ideolóxico, antes que nada, coa vida e coa propia creación. O feito de que a linguaxe poética non ceda as súas condicións estéticas diante das imposicións liñais, posibilistas, da ortodoxia do pensamento, atópase xustificado pola posición relativa que o poeta asume na confrontación das forzas ou poderes sociais; a súa resistencia refírese, antes que nada, ao propio concepto de poder, xa que non asume a relación dialéctica ou antitética como principio da resistencia, senón que se sitúa á marxe dela. A poesía non se constitúe, logo, nun contrapoder, nunha forza oposta á imposición dos poderes sociais co fin de substituílos e, xa que logo, de pasar a ocupar o seu lugar, senón que nega, por principio, e dende unha óptica libertaria, a pertinencia —e a pertenza— de calquera tipo de poder, de calquera organización ou sistema; a poesía non é, entón, contrasistemática, senón antisistemática, marxinal e estranxeira.

Estamos, logo, diante dun pacifismo nun sentido lato, que formula, en paralelo, a imposibilidade de deter a violencia con violencia e o poder cun contrapoder, teña forma poética ou non. A resistencia producida pola poesía vén dada, logo, dun xeito directo, polo exercicio da palabra sempre creativa e, indirectamente, pola necesaria vinculación da poesía cos principios da vida, negados ou ausentes no concepto de poder. Polo que se refire á palabra poética, é aquela que se atopa inserida na vida e non constitúe un discurso, isto é, unha forma fosilizada do sentido configurada previamente para soster un programa, para comunicar, para expresar un tema preconfigurado, senón que se caracteriza pola liberdade creadora e a insubmisión a calquera forma reducionista do poder, incluso dos poderes literarios. Esta palabra aposta pola creatividade, o descubrimento, a diversidade e a orixinalidade no contexto da superinformación ou da información masificada e rescata, daquela, o valor da individualidade, minusvalorado tradicionalmente polas poéticas do compromiso, tendentes a someter o individual ao colectivo. Esta palabra poética aposta, non obstante, por un individualismo solidario que, en plena liberdade —posto que doutro xeito non tería sentido— afirma que o colectivo só pode ser unha suma libre de libres individualidades non reducidas, non uniformadas, non coartadas. Por outra banda,  estando o individual e o colectivo vencellados deste xeito, resulta inviable cambiar o mundo sen previamente cambiar a propia vida, do que se deduce tamén que é imposible que o mundo non cambie cando a vida persoal ten experimentado o cambio que a conduce á liberdade; hai, daquela, unha interacción, que no vital e no poético conecta o quefacer persoal coas achegas colectivas, unha proxección universalista que, por outra banda, pon en conexión esta poética coa tradición galeguista, vangardista e libertaria.

Tamén nesa liña de negar as reducións e as imposturas unívocas dos sistemas de poder, e propio concepto de realidade pasa a ser obxecto de debate, así como a fórmula estilística que fora canonizada polos contradiscursos resistentes, é dicir, o realismo. Fóra dos realismos sociais, dialécticos, críticos, sucios e outras subespecies aparecidas durante este período, esta poética integral afirma a consideración multívoca e aberta da realidade, que inclúe non só os aspectos materiais ou positivamente contrastables, senón tamén todos aqueles que tradicionalmente foron situados no terreo da fantasía e da imaxinación, atribuíndolle á súa presenza de xeito máis ou menos implícito, unha connotación de inocuidade. A fantasía é, xa que logo, unha parte máis da realidade que, cun poder heurístico, revela onde e cando aparece, a súa ausencia flagrante no terreo dos discursos ideoloxizados, é dicir, a carencia de creatividade e de vida no dogma. Aínda máis, Rodríguez Fer define utopicamente a poesía como a arte do imposible levada ao terreo do posible, a diferenza da política, arte do posible que devén nunha cadea de restricións e imposibilidades. A literatura non debe reflectir a vida ou non debe limitar a ese terreo o seu obxectivo, xa que vida e literatura atópanse no mesmo plano da realidade; o reflexo é unha preconcepción dogmática que parte do principio do real, creación artificial que queda estancada mentres a vida segue fluíndo. O utopismo poético de raizame estética e libertaria parte da perigosidade dos poetas e da poesía, da súa marxinalidade e da súa aposta por un horizonte sen normas; os poetas cren nas utopías porque son visionarios: danlle existencia real a unha materialidade aínda non concretada no terreo do usual e por iso desestabilizan o medio no que se moven. A utopía, como explosión da realidade e como derramamento do posible, abre as portas á dúbida sobre o concepto de normal, suspende o principio da utilidade e fai da experiencia vital e poética un camiño antes que unha chegada.

No mesmo sentido da fusión entre literatura e vida ou realidade e fantasía, esta proposta poética reunifica os principios do ludismo e da utilidade. No contexto social postmoderno, que vén substituír o canon literario decimonónico como modelo ético e estético por un consumo individual dos textos e, xa que logo, polo desprazamento das virtualidades didácticas da literatura cara ao terreo dos medios de información de masas, os principios clásicos do docere e o delectare voltan a atoparse na formulación de raizame romántica de que verdade é beleza e beleza é verdade, que esta poética asume e recupera. Reacciónase, daquela, contra a perda de presenza cultural e gnoseolóxica da poesía, reducida a mero ornato ou recurso do entretemento, pero tamén contra a segregación dos valores estéticos e éticos. As actitudes éticas conducen á estética; as actitudes estéticas esixen e parten da ética.

Esta necesidade de reunificación dáse tamén no terreo temático; as novas apreciacións que o estado de cousas postmoderno vai xerar como preocupación poética xiran en torno a nocións como as da cidade, a tecnoloxía e o mundo moderno como entorno pechado e deshumanizador, a da memoria recuperada e recuperable ou, nunha dimensión global, as ideas da democracia, a tiranía, a ecoloxía, etc. No caso da proposta de Rodríguez Fer, aínda que en efecto é posible constatar esta temática postmoderna, non aparece, non obstante, desligada ou illada nin da tradición, entendida como unha continuidade coa orixe —non como un canon prescriptivo de obras, autores e normas—, nin da vida, que resulta ser a motivación primeira, como xa quedou dito. Así, o urbano convive co natural como dúas manifestacións vitais e, no terreo da memoria, o compromiso nun sentido máis estrito, como queda dito, fai do imposible unha realidade factible, ao por voz e imaxe a un pasado tribal, familiar, persoal, emotivo co que o autor atopa afinidades e lle dá continuidade. A noción normativa do real, xa que logo, non é quen de impor ningunha prefiguración temática, posto que tamén neste terreo se fai unha clara aposta pola apertura. O compromiso coa memoria é, logo, de raizame ética, estética e multidisciplinar, aberto, xa que logo, e proxectado cara á sociedade, á que trata de devolver o que foi enaxenado ou obviado polas formas oficiais, liñais e directas da memoria. Esta proposta pode ser cualificada de vangardista tamén neste senso, posto que asume como necesidade integrante do seu ser a obriga de ir por diante das memorias, das ideas e das formas paralizantes. É unha vangarda do compromiso intelectual e vital, e unha das posicións claves nas que estes dous extremos se tocan é, precisamente, na memoria, é dicir, na verdade.

No terreo ético afírmase a preponderancia da vida sobre a nada, así como a natureza vital e, xa que logo, pacifista, da poesía, esixencia que debe ser practicada, especialmente, cando e onde a vida claudica, e é a resposta vital que se opón aos actos antivitais; non pode levar en si o xerme do poder e da morte, e non pode renunciar, aínda que o pretenda, a ser unha forma de resistencia elemental como o respirar, posto que a súa simple presenza é, a un tempo, pacificadora ou pacifista e revolucionaria e resistente. Non hai poesía, logo, por enriba da vida nin á marxe desta, e non pode ser valorada nin catalogada, daquela, con criterios non vitais, aínda que a vida social, en moitos casos, tenda a apropiarse destes mesmos para definir a súa escala de valores: trunfo ou fracaso son conceptos poéticos e vitais que os poderes sociais asimilan e adaptan, terxiversándoos, e devolven logo á literatura reducida a posicións de centralidade ou marxinalidade canónicas.

A creatividade ou a orixinalidade son nocións que veñen salvar a poesía das clasificacións oficiais; a simplificación, que é a esencia e cifra da poesía —contra a artificiosidade antivital da perfección e contra o homoculturalismo—, cando se aplica á disección da poesía en forma de antoloxía, movemento, grupo, xeración, estilo, ou calquera outra categoría de base literaria, extrae a poesía do seu medio e causa a súa desaparición. Contra estas formas do poder colonizador da poesía é preciso loitar, e só se pode facer dende a propia creación, dende a vangarda creadora, deixándoas atrás, posto que estes poderes están, de feito, fóra da creación e pola taxonomía. A poesía, como a vida, asómase ao abismo e supón un risco; calquera atenuación desta sensación de risco —os amortecedores sociais da aproximación á escritura— supón a disolución da responsabilidade individual do acto creativo, a desaparición da conciencia de estar vivo e a verdade da poesía: poesía como experiencia vital e non como catálogo e contedor.

O acto de creación é entendido coma un achádego, un encontro coa sorpresa e o imprevisto e un diálogo; daquela, na liña da apertura da obra ao social —opera aperta, reader’s response, estética da recepción— que caracteriza a postmodernidade occidental, esta proposta poética universalista e aperturista afirma non só a inexistencia de temas preconcebidos na poesía —desbotando, logo, tanto a valoración burguesa do “bo gusto” como calquera que implique a selección e xerarquización de temas e formas en función do seu compromiso—, senón tamén a coparticipación e corresponsabilidade do lector no acto total da poesía. Engagement, daquela, e implicación, nun sentido profundo, afastado da educación dogmática, da prédica ideolóxica ou política. A lectura concíbese, daquela, como unha invitación á vida, á busca, ao coñecemento.

Como último aspecto deste compromiso creativo e vitalista, aínda que debería ser talvez o primeiro, atópase o fundamento erótico-amoroso, entendido como clave vehicular entre os diferentes aspectos ata aquí debullados, posto que afirma a inexistencia do compromiso nun sentido social se previamente non existe no persoal, enuncia que o amor e o erotismo son unha forza liberadora da vida e da creación artística que, polo tanto, actúan como desestabilizadores das forzas opresoras, e fúndase nunha utopía da unión libre, dunha coparticipación voluntaria, e mesmo, afastada como está do interese e do utilitarismo, garante a sinceridade e a verdade da proposta poética, porque se apoia na experiencia vital e non nunha especulación teórica non derivada da experiencia vital. A vida e, polo tanto, a obra, atópanse cifradas no amor e no desexo, que son a medida e a imaxe da persoa e a porta que abre a existencia cara ao descoñecido.

Esta versión do compromiso poético entende que, en definitiva, as formulacións resistentes de carácter canónico e ortodoxo non son consideradas senón sistemas de poder, aínda que de base literaria, que operan con idénticos principios a calquera outro poder. A resistencia non pode vir dada, xa que logo, por posturas dogmáticas, senón pola ausencia das mesmas. Esta sorte de compromiso, de base ética ou, máis precisamente aínda, vital, ten implicacións en todos os terreos, mesmo no político, se ben evita calquera dogmatismo ou reducionismo e a tendencia a afastar, artificialmente, a arte da vida e, xa que logo, da realidade e da verdade como formas esenciais da existencia.

 

Poesía de Claudio Rodriíguez Fer

Poemas de amor sen morte (1979)

Tigres de ternura (1981)

Cinepoemas (1983)

Historia da lúa (1984)

A boca violeta (1987)

Lugo blues (1987)

Vulva (1990)

Cebra (1991)

A muller núa (1992)

Extrema Europa (1996)

A unha muller descoñecida (1997)

Rastros de vida e poesía (2000)

Moito máis que mil anos (2000)

A vida. Gravados sobre corpo (2002)

A loita continúa (2004)

Viaxes a ti (2006)

Ámote vermella (2009)