Poemas sibilinos

O ORÁCULO DOS ÓNFALOS

Seredes ovellas negras sorbendo
nubes prendidas entre os montes
ata volverse brancas.

Seredes vento batendo na rocha
ata abrila en fontes
provocando a cascada.

Seredes a pitonisa da serpe,
a sibila da caverna,
o oráculo das augas no fondo das covas.

Seredes ruínas perdidas
baixo a chuvia e a néboa
ata atopar tres Ónfalos.

Seredes o cordón do mundo
máis alá dos deuses,
dos homes e dos mortos.

Seredes tres vidas unidas
polo embigo nutricio
á placenta da terra.

Seredes quen seredes.

(Delfos, Grecia, 2009)

O ANTRO DOS AGOIROS

Buscar entre as ruínas
o antro dos agoiros.

Atravesar arco tras arco
os aurorais auspicios
nocturnos das sibilas.

Egua baixo monte,
poldra sobre mar,
cabalgando xuntas
polos cumes
e polos lagos
das portas felices.

Que nunca rematen
os crecentes minguantes
dos selénicos cráteres
destas lúas cheas.
Eu son o cabalo
do calendario lunar
galopando sen fin
pola inminencia.

(Cumas, Italia, 2009)