Skip to main content

Dois microrrelatos

Da propia menciña

O condutor da ambulancia recibiu a chamada. Era urxente a súa presenza na rúa Bolívar. Acudiu cos seus compañeiros habituais o sanitario e o médico. Había ducias de policías arredor. Estraño. Descendeu da ambulancia para axudar o sanitario coa padiola. O doente xa esperaba na porta. Tiña unha perna rota. Tanto escándalo para iso. Un par de policías o sostiñan. O condutor recoñeceu ao momento o doente. Unha volta que montaron na ambulancia, comezou o longo retorno ao hospital. Non prendeu sequera a sirena. Respectaba escrupulosamente os límites de velocidade e mais os semáforos en vermello. “Chegamos?”, preguntaba aos poucos o doente. O condutor apenas mordía o labio inferior. O hospital parecía afastarse. Ao cabo o doente incorporouse na padiola e case que dá un couce ao médico co pé san:

– E logo, o que conduce vostede? -espetou ao condutor-, unha ambulancia ou un carro de bois?

O condutor xa non aturou máis. Freou en seco, virouse e largoulle ao doente nun ton dunha agresividade que se notaba que levaba moito tempo controlada:

– Mire, ministro, pola súa culpa, porque o señor tivo a xenialidade de inventar a licenza de condución por puntos, puxéronme unha multa a min, condutor de ambulancia, cando asistía a unha urxencia. E se non lle gusta, vaia a pé até o hospital.

Un sorriso cómplice debuxouse no rostro do médico e do sanitario. O ministro deixouse caer na padiola e comezou a choramicar como un meniño mentres dicía:

– É que me doe tanto…

 

Só se vive desperto

El acordou a tremer. Tivera o peor pesadelo da súa vida. Soñara que aboiaba entre cabichas, milleiros de cabichas, millóns de cabichas, aínda sen apagar, un mar de cabichas. E respiraba cabichas, afundía entre as cabichas, engulía cabichas… Non entendía por que aquel pesadelo que, amais, xa se repetira varias veces nas últimas semanas. Sinceramente, non entendía o porqué. Mais acordara tan nervioso que procurou acougo. Estricou a man, apañou un cigarro e prendeuno. E o fume chegoulle até o fondo. E despois, matou o cigarro e botou a cabicha ao chan, onde ela foi facer compaña a outras súas colegas que durmían o sono dos xustos.

 

. . . . . . . . . .

Xavier Frias-Conde (1965) é escritor em língua galega, embora tenha publicado também nalguma outra língua românica (português, espanhol). A sua obra poética é nomeadamente de literatura infantil (uns vinte títulos) e poesia para adultos (oito livros e muitas colaborações em revistas literárias). Dirige a colecção poética “Alcálima” com o Rafa Yáñez e o Luís Luna. É aliás tradutor literário. Mora em Madrid desde 1974, mas desde 2004 passa a metade do seu tempo em Praga. Além da escrita, é professor universitário e tradutor profissional.