Skip to main content

Cultura á baixa

O Goberno de David Cameron, a través do denominado Consello das Artes, acordou reducir un 30% o investimento en materia cultural por un espazo de catro anos e o Ministerio de Cultura italiano xa leva recortados nos últimos tres anos perto de 500 millóns de euros dos fondos para a cultura. Ao fío disto Umberto Eco non dubida en afirmar que existe, máis alá da crise económica obxectiva, un “rexurdimento do odio cara aos intelectuais e a cultura” que funde as súas raíces no século XIX, mais, sen entrarmos neste asunto -ten toda a razón o semiólogo e escritor italiano-, o certo é que, visto o visto, asistiremos nos próximos tempos a un empobrecemento notábel das estruturas culturais, abríndose unha ferida no tecido máis sensíbel dun sector (o creativo material) que leva moitos anos cultivándose, medrando, espallándose e frutificando, e que de resultar danado con certa gravedade tardará moitos anos en se recuperar. Vexamos. Algúns políticos, tan desnortados eles en materia cultural -cando non directamente practicantes de puro desprezo por esa materia-, pensan, tal como afirmou o ministro de Economía italiano, Giulio Tremonti, que “da cultura non se come”, ignorando este bárbaro ultraliberal que Italia percibiu no ano 2009 máis de 42.000 millóns de dólares, froito do turismo estranxeiro, maiormente interesado este nas manifestacións culturais históricas e contemporáneas da cultura italiana. ¿E no caso de Galicia, que podemos dicir? Segundo o Observatorio da Cultura Galega (con datos do ano 2008), o turismo cultural moveu no noso país máis de 1.400 millóns de euros, o que equivale ao 2,5 por cento do PIB galego. E, se nos referimos á industria cultural galega en concreto, veremos que esta xera un volume de emprego -agora os datos corresponden ás entidades Consello da Cultura Galega/Zona Franca de Vigo- superior a sectores como o naval ou o químico, sendo que a cultura en Galicia supón máis do 2% do PIB do país, o que constitúe un activo económico fundamental. ¿Até cando? Que ninguén baixe a garda..

 

Leia mais