Skip to main content

Venecia Venérea

Acaso ningunha deusa foi máis exaltada que Venus e ningunha cidade foi máis admirada que Venecia. Porque o corpo de Venus é tanto unha Venecia como a cidade de Venecia un recinto venéreo: non en van consérvase no museo do pazo gótico florido Ca’ d’Oro unha solitaria “Venus ante o espello” atribuída a Tiziano. Máis alá dos tópicos turísticos, que mesmo me levaron a evitar Venecia durante a miña mocidade, o primeiro que escribín naquela foi un dístico venéreo, incluído no libro Viaxes a ti, que acaso resultou ser a miña particular cifra definitoria e definitiva da muller e da cidade:

VENECIA

A cidade es ti,
Muller Venecia.

En efecto e como para tantos visitantes, Venecia foi para min, sen dúbida, a cidade máis especial e máis fermosa do mundo, pois sen deixar de ser nunca un recinto verdadeiramente grandioso no seu compacto conxunto é ao tempo un lugar verdadeiramente ateigado de recantos encantadores. Por isto, igual que Dante non podía entrar no Paraíso sen a súa Beatriz, eu nunca entrei nin podería entrar en Venecia sen compaña equivalente e a bordo de góndola carnal, como escribín no mesmo libro de Viaxes a ti:

GÓNDOLA

Só na túa góndola
se pode atravesar
tanta beleza.

Entrar entrei, pois, cruzando algunhas das catrocentas pontes tendidas entre as cento vinte illas que constitúen Venecia, para perderme nos intricados labirintos terrestres desta lagoa pantanosa do Mar Adriático, asombrosamente emerxentes sobre piares de madeira colocados na area entre a desembocadura ao Norte do río Piave e a desembocadura ao Sur do río Po. A ponte e o canal, multiplicados ata o labirinto abismal, conducen dende o principio o río da vida ata o monte de venus da máis bela Venecia nunha penetración sen fin. Soamente a fotografía deixa constancia dun mundo vivido pero de aparencia onírica e dunha experiencia persoal que parece máis soñada que real.

Trátase da terra dos antigos wenetioi, o pobo que deu nome ao Véneto e que, tras pertencer ao Imperio Romano, resistiu o embate das invasións xermánicas entre illas defendidas dos intrusos polos perigosos bancos de area que as rodeaban e que constituían unha auténtica muralla submarina fronte a toda penetración por mar. Venecia emerxe entre illas na Lagoa Véneta arrodeada polo colorismo de Burano e o vidro de Murano, pola periférica Guidecca e o catedralicio Torcello, polo areoso Lido e a tan familiar silueta de San Giorgio Maggiore, cuxa basílica é obra do arquitecto manierista Andrea Palladio, autor de boa parte das villas do Véneto seguindo os principios clásicos de Vitruvio e Alberti.

Os vénetos gobernáronse durante mil anos, entre o século VIII e o XVIII, a través dos seus hábiles dogos, a miúdo pertencentes a poderosas familias venecianas. Cada dux é todo un episodio da historia da Serenísima República de Venecia, que chegou ao seu apoxeo no século XV. De feito, cada igrexa, cada pazo, cada casa, parece querer contar a súa existencia desgastada polo tempo ao visitante posuído pola intensidade da súa propia vida, como a mesma Venecia máis alá do tópico romántico da súa decadencia. Porque a historia da Venecia independente rematou en 1797 coa invasión francesa de Napoleón Bonaparte, quen posteriormente a cedeu aos austríacos e quen logo a reconquistou a principios do século XIX. Recuperada por Austria, Venecia foi entregada a Italia en 1866.

En medio desta traxectoria floreceu arquitectura románica e véneto-bizantina, renacentista e manierista, e, moi particularmente, gótica, sempre visible na cidade e tan estudada polos especialistas como explotada para o turismo. O lugar central deste conxunto é sen dúbida a gran Praza de San Marcos, eloxiada ata a saciedade como principal salón ao aire libre de Europa. Sobre o chan das lousas croatas de pedra de Istria, resistente á salinidade das augas, o grandioso rectángulo delimitado pola bizantina Basílica de San Marcos, as laterais Procuradorías porticadas e o tamén porticado Museo Correr, só admite a elevación do esguío e exento campanario de ladrillo. Á beira septentrional da Basílica encóntrase a renacentista Torre do Reloxo azul, coas horas marcadas polos signos dourados do Zodíaco e os mouros broncíneos que as baten na campá da terraza. Á beira meridional da catedral citada encóntrase a praza menor que ocupan o histórico Pazo Ducal, de estilo gótico veneciano e con importantes obras de arte (dende o Bosco á Escola Veneciana), e a rica Biblioteca Marciana, reclamada xa por Petrarca, cuxa biblioteca persoal se custodia hoxe nela.

Agora ben, fóra da admiración suscitada por esta praza maior europea, tiven particular querencia polo Pazo Contarini do Bovolo (caracol no dialecto veneciano), así chamado pola estrutura espiral da súa fermosa escaleira tardogótica. A el arribei en efecto, tras serpentino percorrido polas rúas e ruelas de Venecia, guiado por María Lopo, amante da súa torre de caracol, por certo imaxe dende entón presente no seu estudo. Lembro que Carmen Blanco, no patio do belo Bovolo, a onde noutra ocasión chegamos conducidos pola nosa filla, mostrou tanto interese polo pazo como polas desgastadas paredes do descarnado ladrillo do contorno, onde achaba a mesma beleza que nas grandes obras de arte: a nosa filla e máis eu bromeamos aludindo a unha variante extensiva do Síndrome de Stendhal, pois, en lugar de asombrarse pola sobredose de beleza reinante, encontraba esta nos recantos máis míseros e paupérrimos da cidade. De feito, aínda que se sentiu sempre tan arraigada en Galicia que só dixo querer morar en Lugo, Compostela e Rinlo ao longo da súa vida, asegurou alí que, así mesmo, tamén lle gustaría vivir en Venecia.

Mais, en xeral, eu preferín as pontes aos edificios de Venecia, dende as tres maiores, tendidas sobre o Gran Canal (Rialto, Descalzos, Academia, pois a cuarta segue sen rematarse), ás máis acolledoras e minúsculas, en cuxa pasaxe quedou para sempre o amor, a beleza e a harmonía. Eu entrei en Venecia pola Ponte dos Descalzos moi lixeiro de equipaxe, como quen vén do ceo e vai coa mar. A Ponte de Rialto, a de ubicación máis antiga entre as grandes por atoparse na illa onde naceu Venecia, foi para min o lugar de tránsito máis habitual e o contorno de maior contemplación do tráfico acuático veneciano. En efecto, dende a ponte e dende os seus recantos apetecía contemplar eternamente a beleza da vida e a de quen contemplaba tan bela e contemplativa como sempre.

veneza1

A peculiaridade estilística da arquitectura de Venecia que máis me chamou a atención foi a súa vocación orientalizante, pois o espírito comercial dos venecianos leváraos, xa durante a Idade Media, a establecer frecuentes contactos con Oriente Medio e a explorar os territorios do Extremo Oriente, sendo pioneiros europeos no tránsito da ruta da seda en territorio chinés. A propia Basílica de San Marcos presenta cinco grandes cúpulas de estilo bizantino, ao que pertencen tamén os característicos mosaicos murais, os fondos de ouro e os mármores mosaicos do chan, cuxos restos primitivos entusiasmaron coas súas polícromas formas xeométricas a Carmen Blanco, sempre moi atenta á beleza dos complementos funcionais. O interesante Museo Oriental de Ca’Pesaro confirma a apertura a Asia de Venecia e o Museo Fortuny a súa perduración, mesmo nos deseños indumentarios de Mariano Fortuny, singular modisto e multiartista español instalado no Pazo dos Orfeos no século XIX. Polo demais, eu fun un dos tantos nenos fascinados polas fabulosas viaxes por China relatadas polo veneciano Marco Polo, pertencente a unha familia pioneira na exploración das rutas a Extremo Oriente.

Outra presenza de procedencia oriental en Venecia maniféstase no Ghetto xudeu, un dos máis antigos do mundo, pois foi creado no século XVI e mesmo deu orixe á palabra gueto, que pasou a designar mundialmente os distritos urbanos onde se pechaba e segregaba á comunidade hebrea. Ghetto Vechio e Ghetto Novo foron paseo predilecto con María Lopo, quen xa na adolescencia coñecera os seus arcanos a través das aventuras de Corto Maltese, o cosmopolita personaxe das historietas de Hugo Pratt, autor precisamente criado en Venecia e frecuentador do seu gueto na nenez. Ghetto Vechio e Ghetto Novo foron así mesmo paseo predilecto con Carmen Blanco, infatigable visitadora de xuderías dispersas polo mundo, que adorou os seus desconchados muros decadentes, os típicos produtos tradicionais alí ofertados e as roupas populares tendidas sobre os canais. No Ghetto Vechio mercamos pan ázimo salgado e doce na antiga panadería xudía e comimos o menú Kosher do pintoresco restaurante Gam Gam, aberto á beira do primeiro Sottoportego rotulado. Pasada a Sinagoga, na praza do Ghetto Novo, onde se emprazan o pozo, a fonte e o museo hebraico, detivémonos sempre solidarios ante os descritivos monumentos en lembranza das vítimas do monstruoso holocausto perpetrado polos nazis, moitas delas deste gueto, realizado polo artista lituano Arbit Blatas. E todos ensanchamos o noso corazón no entrañable e estreitísimo calexo do Orto.

Os xudeus foron nun tempo enterrados en San Nicolò di Lido, nun cemiterio areal que fascinou a Goethe e a parellas como Byron e Shelley ou Musset e Georges Sand. Mais o microcosmos Venecia posúe cosmos de moi variadas procedencias, explícitas no mesmo nomenclátor: por exemplo, no Campo dei Mori e proximidades aínda se conservan estatuas de mercaderes mouros nas fachadas. No Fondaco dei Tedeschi estaban establecidos os comerciantes alemáns, austríacos e húngaros, mentres que os dálmatas se concentraban no contorno de San Giorgio degli Schiavoni e os gregos no de San Giorgio dei Greci. De feito, na illa San Lazzaro degli Armeni ubícase o mosteiro que contén a biblioteca máis importante da cultura de Armenia, onde o romántico Byron se retirou a escribir e onde mesmo estudou o idioma armenio.

Aquela refinada e comercial Venecia das sedas chinesas, dos algodóns exipcios, das madeiras dalmáticas, das antigüidades gregas e romanas, das obras de arte constantinopolitanas, das imprentas hebreas, dos códices armenios, dos trigos sicilianos, das especias árabes, da prata e do ouro de Oriente e de Occidente, é hoxe a do versátil cristal da illa de Murano que encantou á miña filla Mariña e a do delicioso papel de augas e outras artes da impresión continuadoras da tradición renacentista do humanista Manucio que tanto gustaron a María Lopo e a Carmen Blanco. O encaixe e a fundición, artes venecianas de aínda máis longa tradición, están tamén presentes na interminable oferta comercial de Venecia, onde a máis espectacularmente ostensible é a do seu ostentoso Carnaval.

En efecto, o Carnaval é todo un luxoso mundo en Venecia e a arte do disfraz e da máscara toda unha institución inzada pola cidade en fermosas tendas e fascinantes talleres. A súa anual explosión de cor foi antano gran ostentación política e é hoxe gran atracción turística, pero sempre resultou ser un espectáculo de sofisticada beleza en marco tan especial como silencioso en comparación con outros entroidos do mundo. Aínda que eu sempre tiven o decidido propósito de non coleccionar máscaras, alí atopei a belísima careta de bágoa e fronte negra, cun círculo vermello na testa, que non puiden evitar adquirir na miña primeira viaxe a Venecia. Lembro que tamén daquela viaxe iniciática viñeron un níveo mascarón musical para Natalia Regueiro e unha escultórica careta en forma de lúa para Sara Lamas, dúas grandes amantes da máscara e da artesanía venecianas, así como da propia Venecia, que tanto se lles parece.

veneza2

O turismo foi contemporaneamente principal industria de Venecia e con el o mercantil delirio de beleza. Lembro que a primeira vez que me hospedei nun hotel veneciano se permitía elixir cuarto con vistas ao “giardino” ou a “Venezia antiqua”: mais o primeiro daba a un patio con macetas e o segundo ao tellado do edificio veciño. Mais lembro tamén que, posteriormente, o cuarto do Hotel Amadeus, na mesma rúa Lista di Spagna, ofrecía unha posta en abismo veneciana de carácter especular: nas súas paredes revestidas de vermello reproducíase unha fermosa estampa de Venecia sobre a cabeceira barroca da cama a súa vez reflectida nun espello. Tratábase dunha típica vista do Gran Canal, entre o pazo Bembo e o pazo Vendramin, realizada por Canaletto (por certo, Wagner morou e morreu no pazo Vendramin, onde compuxo boa parte da ópera Tristán e Isolda). Da noite á mañá, a Venecia real exhibía, pois, unha reprodución da pintada, e a irreal reflectíase nun espello non menos veneciano de dourados contornos rococós. Así é Venecia, permanentemente duplicada nas súas propias augas, sen que o seu reflexo nelas supoña narcisismo, senón un éxtase de luz e de cor en constante xénese venérea. Así se aprecia tamén nos mercados ao aire libre das froitas, das verduras, dos pescados, das roupas e dos obxectos máis varios ou nos escaparates de pastas, de vidros, de papeis e de máscaras.

A luz e a cor son precisamente os elementos básicos da pintura veneciana, sensualmente conectada ao tradicional orientalismo da cidade, como mesmo pon en evidencia a presenza de atavíos musulmás e retratos de sultáns en medio da riqueza indumentaria da sociedade ducal. En efecto, a chamada Escola Veneciana, composta por pintores dos séculos XV a XVIII, caracterízase pola luminosidade, o colorismo e a procura da beleza, como pode comprobarse na propia cidade en múltiples obras renacentistas ou barrocas de Carpaccio, os irmáns Bellini, Giorgione, Tiziano, Tintoretto, Veronese… ata chegar ao dezaoitesco Tiepolo, representante do rococó e último gran pintor do característico barroquismo veneciano. Todos eles encóntranse representados en museos, igrexas, nas antigas Scuole e, conxuntamente, nas Galerías da Academia de Venecia, onde Carmen Blanco, que se extasiou ante o peito lácteo d’A tempestade de Giorgione, non puido evitar volver a percorrer en sentido inverso todo o museo cando finalizou a súa primeira visita. Polo demais, as Galerías da Academia posúen tamén o “Homo Cuadratus”, canon vitruviano de Leonardo da Vinci e imaxe fetiche da miña filla Mariña, e algunhas caprichosas vistas de Venecia de Canaletto e Guardi.

Foi no século XVIII cando o barroco Canaletto, da familia pictórica dos Canal, consagrou, influenciado por Pannini, o veduttismo veneciano, composto por moi detallistas estampas urbanas de Venecia, embelecidas e iluminadas pola intensa luz dourada da cidade das omnipresentes augas. Non é de estrañar, pois, que o extraordinario e xustificado éxito destas virtuosistas vistas, ás veces caprichos imaxinarios do autor, provocase que a vistosa liña de Canaletto fose continuada, entre outros, polo seu sobriño Bellotto e por Francesco Guardi. As numerosas e deliciosas vistas realistas ou caprichosas da Praza de San Marcos, do Gran Canal, da Ponte de Rialto, do Arsenal ou dos máis diversos recantos de Venecia executadas por Canaletto e polos seus discípulos poden admirarse en moi variados lugares do mundo e sempre con gratificante e consolador pracer esteticista, mais precisamente pouco na propia Venecia, a bela que non precisa de máis espellos que as súas augas. Máis representado na urbe está o tamén dezaoitesco Gabriel Bella, pintor da vida social, política e institucional veneciana en grandes cadros de protagonismo colectivo. E, así mesmo, a escultura neoclásica contou en Venecia coa enerxía de Canova.

Pero a partir do século XIX Venecia non só atraeu aos artistas venecianos de nacemento ou veciñanza, senón tamén aos foráneos, como pon en evidencia o caso do romántico inglés Turner, que deu paso aos impresionistas franceses Manet, Monet e Renoir, tamén retratistas da cidade dos canais. No século XX multiplicáronse as interpretacións (a puntillista de Signac, a metafísica de Chirico), entre as que preferín sempre a esquemática e depurada liñalidade azul de “A cidade da lagoa” de Paul Klee. O cómic tampouco foi alleo aos encantos venecianos, o que puxeron en evidencia foráneos como Moebius e residentes como Pratt.

Variante feminina do sagaz Corto Maltese, María Lopo detectou no labirinto veneciano as casas de Tintoretto, Veronese e Canaletto e o lugar da morada de Tiziano, mais tamén o patio habitado por Marco Polo, a tumba do Aretino, a praza natal de Casanova, en fin, o sombrío ocaso sepulcral en contraste co dramático orto cromático do furioso Tintoretto e outros detalles propios dela, como a Praciña Vigo, as rúas da Vida e da Dona Onesta ou as runas inscritas por soldados medievais escandinavos no león sentado ante a porta magna do Arsenal. A espiral de caracteres rúnicos que presenta esta escultura, procedente dunha fonte grega do porto do Pireo, aparece no cómic Fábula de Venecia protagonizado polo cosmopolita viaxeiro Corto Maltese, tan querido por María Lopo dende a súa adolescencia. Andando os anos, eu mesmo me atoparía con algúns personaxes femininos dos cómics de Hugo Pratt como mural publicitario nunha tenda de roupa interior, fronte a igrexa onde se exhibe a momia decapitada de Lucía de Siracusa, patroa da vista no santoral católico. Con María Lopo fun tamén ao pazo gótico Ca’Foscari, sede da Universidade de Venecia, e á Praza de Santa Maria Formosa, por certo vecindario da poeta Veronica Franco e escenario pintado por Canaletto, onde dende o século X se celebraba a festa das Marías para conmemorar a liberación das mozas secuestradas polos piratas.

Un dos elementos máis espectaculares e luxosos do veduttismo veneciano é o Bucentauro, a chamativa galera rococó de uso institucional e protocolario que navegaba maxestosa polo Gran Canal e que foi destruída pola invasión napoleónica. Aquel vermello e dourado Bucentauro, preservado polas pinturas de Canaletto e Guardi, fascinou dende nena a miña filla Mariña e deu pé a toda unha flota imaxinaria composta por gondoliña, góndola, vaporetto e bucentauro que percorreu o serpenteante Gran Canal da miña vida polo mundo. Porque dende logo non son menos fascinantes que o Bucentauro as sinuosas e precisas formas das máis modestas góndolas, prodixio de artesanía e equilibrio, sen desdeñar os encantos doutras moitas embarcacións, incluídos os máis modernos e populares vaporettos.

A modernidade en Venecia ten tamén forma artística, aínda que embutida en magníficos pazos á beira do Gran Canal, como é o caso da Galería de Arte Moderna no pazo barroco Ca’Pesaro, ou da Colección Peggy Guggenheim, no pazo renacentista Vernier dei Leoni, lugares ambos de marabillosa ubicación que resultan ser auténticos continentes de beleza contidos na beleza do contorno. A interesante Galería de Arte Moderna contén esculturas como “O pensador” de Rodin e pinturas como a “Salomé” de Klimt, ademais dunha variada mostra das vangardas históricas.

A deliciosa Colección de Peggy Guggenheim, que conforma unha exquisita panorámica da arte de vangarda do século XX, é especialmente rica en pezas do seu marido Max Ernst e do seu protexido Jackson Pollock. A sección surrealista está magnificamente representada por obras como “O imperio da luz”, de Magritte, que sempre fascinou a Carmen Blanco, e por dous inquietantes lenzos de Max Ernst que sempre me fascinaron a min, ata o punto de que foron decorado do meu despacho no Campus Universitario de Lugo nos primeiros anos noventa: “O vestido da noiva” e “O Antipapa”. Tamén lembro con especial deleite o doce trío de “Na praia (O baño)”, de Picasso; as esculturas de Calder, incluído o mural metálico de cabeceira da cama da coleccionista; as entrañables caixas de Cornell e ata as góndolas naïf da filla de Peggy, Pegeen, que se suicidou na plenitude da vida. Lembro que María Lopo adorou a terraza do pazo Vernier dei Leoni e algunhas outras terrazas máis modestas visibles dende as pontes sobre os canais, pois nelas a terra parece suspendida polo aire sobre a auga, agardando acaso o lume solar da vida.

A propia Peggy Guggenheim, que se instalou en Venecia e que está enterrada no seu xardín xunto a todos os seus cans, deixou escritas as súas vivencias nela, como tantos outros intelectuais dende Petrarca. De feito, Shakespeare ambientou nesta urbe as primeiras obras que lin sobre a cidade-estado sendo eu neno e que por certo moito me impresionaron: a comedia O mercader de Venecia e a traxedia Otelo, O mouro de Venecia, de cuxo personaxe Desdémona di a lenda que habitaba no pazo Contarini-Fasan do Gran Canal, aínda hoxe conservado. Polo demais, o século XVIII veneciano quedou moi vivamente representado polo teatro costumista de Goldoni, pola literatura pornográfica de Baffo e polas memorias eróticas de Casanova, que frecuentei dende adolescente. Mais foi o Romanticismo e a literatura posterior quen puxo de moda Venecia, a súa presunta beleza e a súa suposta decadencia.

Moitos destes escritos ecoan aínda na miña memoria, como os fundamentais do alemán Goethe, do inglés Byron ou do francés Chateaubriand. Tamén lin con curiosidade o divulgado libro sobre As pedras de Venecia, de John Ruskin, que serviu de guía para escritores sobre a cidade das góndolas tan variados como Henry James, Taine, Proust, Sartre ou Mary MacCarthy. Porque Venecia deixou pegada xa nos escritos pioneiros de Montaigne, Rousseau e Sade; nas notas de documentalistas como Stendhal, Dickens, Balzac, Twain, Gautier, Zola ou Maupassant; nas impresións de esteticistas como D’Annunzio, Rilke, Pound, Cocteau, Mann, Gil Albert ou Carpentier; nas experiencias de condutistas como Hesse, Hemingway, Dos Passos, Maugham, Greene ou Malraux; nas confesións de mulleres como Georges Sand ou Simone de Beauvoir… ata chegar aos autores da última metade do século XX (Morand, Brodsky, Sollers, Dominique Rolin, a corrente venecianista da poesía española). Algúns, como os desarraigados poetas Pound e Brodsky, ficaron enterrados na Illa dos Mortos para sempre. Outros criticaron o clima (Aragon), o caos (Heidegger), o paganismo (Debray), o turismo (Debord)… Eu mesmo teño comentado o poema “Oda a Venecia ante el mar de los teatros”, de Pere Gimferrer, na miña Guía de investigación literaria, así como aludido a Tadzio, o personaxe que encarna a beleza na novela Morte en Venecia, de Thomas Mann, no conto “Lívida libido”, incluído no meu libro Meta-relatos.

A adaptación cinematográfica de Morte en Venecia feita por Visconti foi sen dúbida unha das máis belas e afortunadas das realizadas sobre Venecia e a lonxiliña illa do Lido, e non estraña que a poeta Olga Novo chegase a considerala como o seu filme preferido, malia que nin ela nin eu concordemos con espírito tanático ningún. Precisamente no Lido ten lugar anualmente a famosa Mostra Internacional de Arte Cinematográfica da Bienal de Venecia, gran festival multiartístico. Non obstante, tampouco esquecín nunca outras películas ambientadas total ou parcialmente en Venecia, como Otelo, de Welles; Senso, de Visconti; Verán, de Lean; Anónimo veneciano, de Salerno; O Casanova de Federico Fellini; Todos din Quérote, de Woody Allen; Os rapaces do século, de Diane Kurys… algunhas das cales revisionei ás veces só polo pracer de ver Venecia (real ou mesmo en decorado).

Morte a Venezia, de Luchino Visconti
Morte a Venezia, de Luchino Visconti

O filme Beleza perigosa, de Marshall Herskovitz, tivo a virtude de tratar o tema das chamadas suntuosas venecianas a través das peripecias da escritora e cortesá renacentista Veronica Franco, atraendo a atención sobre esta especial manifestación da histórica tradición prostibularia da disoluta Venecia, tantas veces literaturizada dende as obras eróticas do tamén renacentista Aretino e aínda patente no rueiro a través de nomes como o de Fondamenta delle Tette, chamada así porque dende os seus balcóns exhibían os seos as prostitutas. Moitas delas posaron para as grandes pinturas e esculturas venecianas, a miúdo encarnando deusas e a santas.

Carmen Blanco, apaixonada polo tema das suntuosas intelectualizadas como as escritoras Veronica Franco e Gaspara Stampa, que se valían da súa condición de cortesás para instruírse en materias entón vedadas ás mulleres, presentou no Campus de Lugo á especialista nelas Erika Bornay, quen precisamente publicou sobre tema o artigo “Suntuosas. As cortesanae honestae na Italia do Renacemento” no monográfico “Erotismos” de Unión libre, coordinado por Olga Novo. E, non por casualidade, precisamente esta poeta abriu con paixón o monográfico “Cinemas” dos mesmos cadernos aludindo á primeira e á última das películas venecianas aquí citadas: “Podía consumirme contemplando a Tadzio polas calexas e prazas e pórticos de Venecia. Ou alí mesmo exercer o meu oficio de cortesá culta Verónica Franco”. Por certo, as tres autoras citadas volverían a coincidir nun congreso sobre erotismo celebrado no Museo de Belas Artes d’A Coruña, encontro no que tamén lembraron xuntas a aquelas onesta meretrix, esforzadas pioneiras da muller ilustrada.

Moi lucidamente, Nietzsche escribiu que cando buscaba outra palabra para expresar o termo Música, só encontraba a palabra Venecia. De feito, esta cidade acolleu ao renacentista Monteverdi e á famosa escola polifónica do século XVI, e nela naceu o barroco Albinoni, cuxo reconstruído “Adaxio en sol menor” puxo música á imaxe decadente de Venecia e influíu na eficaz banda sonora feita por Stelvio Cipriani para o filme Anónimo veneciano, en parte inspirada no tamén barroco veneciano Benedetto Marcello. Música venérea, a de Venecia, que deu orixe ao vívido barroco de Vivaldi coas súas orquestras de mulleres, e que serviu de morada e mortalla ao romántico Wagner. E tamén letra venérea a de Da Ponte, libretista de Mozart instalado en Venecia. Ademais, enterrados no cemiterio veneciano de San Michele, na chamada Illa dos Mortos, están o compositor Stravinsky e o coreógrafo Diaghilev entre outras moitas personalidades eslavas. E a mítica cantante de ópera María Malibrán, de orixe española, deu nome a un teatro que aínda se conserva como tal.

Polo demais, tamén frecuentou Venecia o operístico Verdi, que estreaba no mítico e varias veces incendiado teatro La Fenice, actualmente reconstruído por Aldo Rossi,  e o folclore local foi moi cantado na variante lingüística veneciana polos gondoleiros, que tanto divulgaron cancións como “La biondina in gondoleta”.  Precisamente a sofisticada loura Patty Pravo, a quen moito escoitei interpretar “La bambola”, resultou ser a cantante nativa de Venecia máis popular dende a miña adolescencia.En calquera caso, a cidade dos canais foi motivo habitual na canción contemporánea, como pon en evidencia a célebre peza “Que c’est triste Venise”, composta e interpretada polo franco-armenio Charles Aznavour, ou o cómico divertimento “Venecia” dos españois Hombres G, que tanto se cantou e bailou coa nosa filla Mariña durante a súa infancia.

Consagrar unha vida compartida ao estudo das pontes, das embarcacións, dos edificios ou das artes de Venecia pode ser sen dúbida unha forma excelente de gozar da existencia, mais eu tan só quixera dedicar sendas tempadas compartidas a dous elementos omnipresentes na cidade: o cabalo e o león, xustamente tamén os preferidos nela pola miña filla Mariña, sempre amiga dos animais e ávida das súas representacións.

Eran os wenetioi, segundo Alcmán de Esparta, poeta grego do século VII a. C., criadores de cabalos de longas crinas tan belos como doncelas. E seguen convivindo os venecianos con fermosísimos cabalos representados nas máis variadas formas artísticas. De feito, tres cabalos de metal traídos de Venecia conforman o chaveiro pendurado no recanto máis veneciano da miña propia morada. Mais catro son os cabalos que conforman a célebre cuadriga de bronce dourado que simboliza a liberdade de Venecia e que tanto nos entusiasmaron sempre malia a súa azarosa e discutida historia. Ao longo do tempo, estes míticos equinos de incerta procedencia foron considerados gregos e romanos, pero o único seguro é que foron traídos de Constantinopla polos guerreiros da Cuarta Cruzada durante a Idade Media e que foron colocados sen arreos na fachada da Basílica de San Marcos, co fin de identificar a súa liberación coa dos propios venecianos. Canaletto retratou a cuadriga na súa espectacular panorámica da Praza de San Marcos, pero tamén baixou os cabalos a uns imaxinarios pedestais diante do Pazo Ducal nun dos seus caprichos pictóricos. En 1797, Napoleón trasladou os célebres cabalos ao xardín das Tullerías de París, onde foron atados a un carro ata 1815, ano en que volveron a Venecia. Postos a salvo durante as sucesivas guerras e restaurados dos estragos da contaminación, actualmente se conservan no interior da Basílica, mentres que na fachada se colocou unha réplica. De entre todos os cabalos de Venecia, eles foron os que nos procuraron maior felicidade.

Non menos beleza, pero tampouco non menos incertezas, presenta o tamén antigo león alado da Columna de San Marcos, pois ten sido considerado de orixe helenística, chinesa, persa e siria. O único seguro é que columna e león apareceron en Venecia durante a Idade Media procedentes de Oriente e que, quizais porque o citado felino é símbolo do evanxelista Marcos, patrón da cidade-estado, o león alado acabou por converterse no emblema identificativo da Serenísima República de Venecia, patente en toda clase de edificios, moedas e selos oficiais, sen esquecer obras artísticas como o lenzo “O león de San Marcos” de Carpaccio e a columna da Praciña Vigo. Esta simboloxía perdurou ata a actualidade, como pon en evidencia que os principais galardóns do festival cinematográfico de Venecia sexan precisamente o León de Ouro e o León de Prata. Eu adorei sempre o león alado da columna de San Marcos e as súas réplicas sobre estrelado fondo azul no tímpano da Basílica e na Torre do Reloxo, pero a súa presenza é tamén magnífica sobre a porta gótica flamíxera e sobre a Escaleira dos Xigantes do Pazo Ducal, entre a quincena de representacións coas que conta na praza. No mesmo contorno, a miña filla Mariña gustou dos leóns paralelos que dan nome á Praciña dos Leonciños e do león marciano do monumento a Vittorio Emanuele II. Precisamente a última fotografía que quixo na cidade foi xunto ao humilde león alado esculpido nunha parede a beira da Ponte dos Descalzos. E campa tamén un león alado sobre a porta magna do Arsenal, aínda que aquí flanqueado por outras aínda máis soberbias esculturas leoninas.

Polo demais, a tamén fermosa Columna de San Teodoro situada xunto á de San Marcos é, como o león alado desta, resultado da afortunada piratería artística veneciana, pois parece que contén elementos helenísticos e romanos. Arte feita de arte e beleza presente de beleza pretérita que se revaloriza co paso do tempo pola poética da ruína e da decadencia. Agora ben, beleza hai tamén nalgún café instalado baixo as arcadas dos soportais da propia Praza de San Marcos, onde perdura o histórico Florian, toda unha institución da cidade, como non moi lonxe os tamén literarios e artísticos Hotel Danieli ou Harry’s Bar. Moitos son, pois, os motivos para frecuentar a praza e para ficar nela como os centos de pombas que se confunden cos turistas, pero ningún tan permanente como o do lique incrustado na fermosura núa dos corpos nas pedras lembrando que a beleza non ten idade.

Preto esténdese o Peirao dos Schiavoni, referido aos mariños procedentes de Eslavonia, rexión croata historicamente vinculada a Venecia. Entre o Pazo Ducal e as Piombi, antiga prisión da Inquisición que padeceron Bruno e Casanova, atópase a fermosa e barroca Ponte dos Saloucos, así chamada en alusión ás congoxas dos prisioneiros por alí internados, e non ás saudades dos namorados que a literatura e as artes asociaron posteriormente ao lugar. Neste peirao, de fermosas vistas á illa de San Giorgio Maggiore e á gran igrexa barroca de Santa Maria della Salute, construída para esconxurar a peste, atópanse numerosos embarcadoiros de vaporettos de paso e góndolas atracadas entre os inesquecibles azuis do ceo e do mar. Aquí ficaron siluetas ante min xa para sempre. E por este peirao da felicidade paseo cada día que contemplo a beleza dos seres alí amados entre risos eternos e bicos infinitos.

Porque Venecia naceu das augas, como a vida. Por isto coñeceu o Ben e o Mal, pero tamén a Beleza e as belezas. Coñecela é coñecelas.