Un poema
Un poema, pedides,
que retrate ós miserables
que nos estrangulan,
ós ditadores que nos rouban
nove meses de traballo ó ano,
traballamos nove meses,
de doce meses que ten o ano,
traballamos nove meses,
erguémonos ás sete da mañá,
recollemos de noite,
un embarazo para financiar
ós miserables que agora nos din
que vivimos por riba
das nosas posibilidades.
Quen vive por riba do ben e do mal?
Quen sufragou viaxes,
mansións, agochando os cartos
en paraísos fiscais
coa connivencia dos cínicos
que esixen aceptar recortes,
dispensar sanidade
para os que poidan pagala,
educar ós seus fillos
os catro de sempre,
que teñan un teito
baixo o que durmir
uns poucos privilexiados.
Un poema, pedides,
e non é un poema o que sae,
é unha labarada de carraxe
e de impotencia,
de lixo, dispensando,
non é un poema o que
sae cando se ven as cifras
do paro, e as colas de cáritas,
onde os banqueiros non xantan
nin buscan traballo, a ruina
a onde a insaciable avaricia
dos corruptos, farsantes,
azuis de sangue, negociantes,
preguiceiros todos nos levaron.
Que devolvan os cartos,
que sexan eles os que paguen!
Un poema, pedides, e só carraxe
pola boca, polas mans nos sae.