Quixera alisarme como un congro
e penetrarte pola boca suavemente
baleirándome do amor que poida darche.
Quixera encher teu corpo dende a vulva
e penetrarte ata o delirio das delicias
como unha anaconda sempre amante.
A flor das flores
No teu xardín púbico, cheo de prímulas,
cultivo rosas para o teu gladíolo,
magnolias arredor da túa caléndula
e camelias en torno ao teu botón de ouro.
No teu escuro estanque de anemones
semento o meu nenúfar espermático
para dar vizosidade ao mato crespo
onde interno o caravel entre as hortensias
cada vez que te rego en leiterenas.
E así floreces ti, a flor máis núa,
vestida só coas túas propias pétalas.
Baía sexual
Ti es todo o sorriso da baía.
Levas na roupa as cores multicores
das prazas brancas e das rúas azuis
e no corpo as ondas da mareira.
Tes nas mamilas os froitos do café
e non hai nada tan doce nin fragrante
como a túa pel de óleo e de cacao.
Ti móveste como se pisa a area.
Cando nos bicamos nas bocas devorantes
fundímonos nas rías de Galicia.
Cando acariciamos os corpos devorados
mollámonos nas praias de Bahía.
E cando envorcamos volcánicos os sexos
eu atraveso a selva da Amazonia
e a ti te penetra a serra do Courel.
Ríos seminais, fluxos mariños,
canles para todos os fluídos
do noso amor amante sen barreiras,
baía sexual, sempre sen límite,
tendida sobre o leito dun océano.
. . . . . . . . . .
CLAUDIO RODRÍGUEZ FER. Poeta, narrador, autor teatral e ensaísta galego, foi catedrático de ensinanza media en Galicia e profesor das Universidades da Cidade de Nova York, da Alta Bretaña en Rennes e de Santiago de Compostela, onde actualmente director da revista Moenia e da Cátedra Valente de Poesía e Estética. Coordina, con Carmen Blanco, a revista pluricultural Unión Libre. Cadernos de vida e culturas e a Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo.
É autor dun ciclo de poesía erótica composto por Poemas de amor sen morte (1979), Tigres de ternura (1981), Historia da lúa (1984), A boca violeta (1987) e Cebra (1988), libros reunidos en Vulva (1990) e antologados en A muller núa (1992). Á marxe deste conxunto editou Cinepoemas (1983), Lugo blues (1987) e, posteriormente, os universalistas Extrema Europa (1996), A unha muller descoñecida (1997), Moito máis que mil anos (2000) e A loita continúa (2004) e Viaxes a ti (2006). Con serigrafías de Eugenio Granell publicou Rastros de vida e poesía (2000) e con augafortes propios A vida.Gravados sobre corpo (2002),
Publicou diversas obras narrativas -como Meta-relatos (1988)-, teatrais –como As costureiras (2006)- e críticas -como Poesía galega (1989), Arte literaria (1991), A literatura galega durante a guerra civil (1994), Acometida atlántica (1996), Guía de investigación literaria (1998) ou os numerosos libros e edicións realizados en torno ao narrador Ánxel Fole e ao poeta José Ángel Valente, entre outros autores galegos (Castelao, Dieste, Carballo, Ángel Johán) e non galegos (Dostoievski, Borges, Neruda, Brassens).
Foi obxecto dos libros Por un vocabulario galego do sexo. A terminoloxía erótica de Claudio Rodríguez Fer (1996) e O lume vital de Claudio Rodríguez Fer (1999), de Olga Novo, e Os mundos de Claudio Rodríguez Fer (1998), de Natalia Regueiro. Textos seus están traducidos ó castelán, inglés, francés, italiano, alemán, ruso, catalán, bretón e árabe. Obras súas recibiron, no campo da poesía, o Premio Nacional da Crítica (Tigres de ternura); no da investigación, por dúas veces o Premio Losada Diéguez (Poesía galega e A literatura galega durante a guerra civil), e, no académico, o Premio Extraordinario de Doutoramento.