Adentreime entre os piños
e sentín lenta a luz
no corpo, xa baleiro
da teima que porfía.
Ergueito, nu, cos brazos
oferentes, as febras
do sol nos lises tenros,
cantei vellas gabanzas
á humidade das fontes,
ó arrecendo da terra,
ó rulo dos paxaros
no segredo da fraga.
Vivín, lonxano, o arrolo
do mar nas ponlas luídas
e fun herba silvestre
ou mastro na marea
sobranceira das árbores.
***
Este balbor que sobe
dende o fondo da ría
ata o cumio do monte
non é escuma nin mera
do océano nas rochas,
nin os eixos dos carros
que voltan con queixumes
e laios ós cubertos.
Tampouco a serpe cega
do tempo entre eucaliptos.
A rolda da autoestrada
na estrema do remol
enche de néboa os anos
como un bosque de teas
de araña nos oídos.
Larvas ocas o conco
Abrollado do día.
***
Voa, paxaro, ó fondo
pecho do ceo, voa.
A miña inquedanza abre
de anseios a gaiola.
Voa, corazón, voa
ó máis lonxe da vida,
que non me cabes dentro,
e douna por perdida.
***
Ó respirar resoa
a brisa nos pulmóns
como gorxa das augas
correntes no follame
desleirado dos vieiros.
O aire rolda no aire
coas azas das palabras.
O alento esvae sempre
un paxaro de lume
invisíbel e acende
a fervura bendada
da arxila no poema.
***
Hora na que a palabra,
sen ser, lucente abrolla
a vertixe do instante.
Inquedanza da sombra,
premura devanceira
que rexorde o tecido
do ceo con agoiros
e xemidos de cobre.
***
Morreron as palabras,
as frases, a sintaxe
do mundo. O que non morre
é a fervura do aire,
as raíces dos talos
que ruben polas gorxas
agoirando palabras.